mércores, 30 de xaneiro de 2019

Día da Paz

Moi bos días!

Este ano con motivo da conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz o alumnado da nosa escola cantou unha fermosa canción de Rozalén titulada "Girasoles". Empregando unha das frases desta canción creouse un mural que foi decorado con xirasois decorados polos nenos e nenas do colexio. Pero iso non foi todo, pois unha gran chocolatada axudou tamén a festexar este día. Un día fermoso cheo de sorrisos.








venres, 21 de decembro de 2018

FELICES FESTAS!

Ola amiguiños!

Estou moi contento de poder ensinarvos como quedou a decoración do corredor que leva á biblioteca, e todo grazas á colaboración dos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria. Entre todos conseguiron ambientar a escola para poder darlle a benvida ao Nadal e ao novo ano 2019. Agardo que a vós tamén vos guste tanto como a min.

Felices festas!







xoves, 29 de novembro de 2018


Ola amiguiños/as!

Con motivo da Semana da Ciencia e do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas Escolares quixemos levar a cabo unha interesante actividade que cautivou aos nenos e nenas desta escola! O alumnado de quinto e sexto levou a cabo distintos experimentos diante do alumnado dos cursos inferiores, que quedaron abraiados coa maxia destes científicos! Deixamosvos algunhas imaxes do día!

Unha aperta!










martes, 13 de novembro de 2018

Quen foi Álvaro Cunqueiro?

Ola amigos! Ola amigas! 

Sabedes porque saúdo hoxe así? Porque estou copiando de Braulio Bolechas. Hoxe estivo na nosa escola para aprender quen foi Álvaro Cunqueiro e para saber algunha cousa sobre el e as súas obras. Para iso estivo na clase de terceiro de Educación Primaria, onde os nenos e nenas o recibiron cheos de ilusión e cos brazos abertos! Despois veu facerme unha visitiña á biblioteca, foi un día inesquecible!


venres, 19 de outubro de 2018

CONTACONTOS

Bos días amiguiños!

Hoxe os nenos e nenas da nosa escola pasárono moi ben! A científica Paquita Dinamita veu visitarnos para contarnos a súa viaxe aos Estados Juntitos de América. Nunca chegou alí porque se perdeu e foi parar a unha illa deserta. Porén, o mellor de todo iso foi que o alumnado deste colexio puido axudarlle a comer e comunicarse grazas a unha serie de experimentos que levaron a cabo. Foi xenial axudarche Paquita!

















mércores, 12 de setembro de 2018

Benvidos ao curso 2018/2019

Benvidos a un novo curso no CEIP Álvaro Cunqueiro Mora!

Agardo que pasarades un moi bo verán e que veñades coas pilas moi cargadas. Este novo curso seredes testigos de moitas sorpresas e actividades, pois a maxia vai percorrer a nosa escola un ano máis, para facer así que todos os antigos e novos lectores veñan encantados á miña casa! A primeira sorpresa que imos ter para todos vós vai chegar nunha data moi sinalada para todos os mindonienses, en plena festividade das San Lucas. Queredes saber de que se trata? O venres día 19 de Outubro descubrirémolo! Saúdos amiguiños!

domingo, 1 de xullo de 2018

Proxecto Juan Puchades (2018)


Moi bos días amiguiños/as! 

Coa entrada do ano 2018, no cole propuxémonos traballar todos/as xuntos para participar nun proxecto que nos presentou a Asociación "Tá en Artes". Trátase dunha homenaxe de cara a unha das figuras artísticas máis destacadas da Mariña, Juan Puchades Quilis, artista  de orixe valenciano afincado en Mondoñedo dende hai varias décadas. 

Deste xeito, dende os máis pequechos/as de Ed.Infantil ata os nosos maiores de 6º de Ed. Primaria puxémonos mans á obra e logramos traballos tan fermosos coma os que vos vou ensinar. Ademais, os nosos nenos/as de Infantil están de noraboa, pois foron premiados pola súa fantástica aportación ao proxecto. 

A continuación, agardando que vos guste, déixovos unha mostra da exposición dos traballos que estivo durante o mes de Xuño no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA, Foz): 



Vista de conxunto
Ed. Infantil + Catedral


2º de Ed. Primaria
6º de Ed. Primaria
Ed. Infantil.

1º de Ed. Primaria
5º de Ed. Primaria
Ed. Infantil
4º de Ed. Primaria
Ed. Infantil e 3º de Ed. Primaria
Ed. Infantil